24/09/2021

Día Mundial do Farmacéutico 2021

Os farmacéuticos da provincia celebran o 25 de setembro a súa conmemoración anual, centrada nunha homenaxe aos falecidos a consecuencia da pandemia, pero tamén en todos os profesionais do sector polo seu esforzo nestes últimos meses

Organismos nacionais e internacionais, como a Organización Mundial da Saúde, destacan o papel que xoga o farmacéutico na atención aos pacientes e o seguimento dos tratamentos. As farmacias contribúen á promoción da saúde e a prevención da enfermidade, colaboran na detección precoz de patoloxías, evitando o seu agravamento e reducindo custos sanitarios.

Na nosa provincia, uns 2400 colexiados desenvolven o seu exercicio profesional nas farmacias, pero tamén noutros ámbitos como industria, docencia, dermofarmacia, saúde pública, alimentación, óptica e ortopedia, análises clínicas, distribución, investigación, industria, atención primaria ou farmacia hospitalaria, entre outras. A maioría son mulleres, un 75 por cento, e de media nas boticas están empregados tres profesionais con esta titulación.

O seu traballo estivo condicionado, como no resto do sector sanitario, estes últimos meses pola pandemia. A nivel nacional, 26 traballadores do sector faleceron a consecuencia do coronavirus. A eles dedícase este día mundial na provincia, así como ao resto dos compañeiros e ao seu esforzo por seguir facendo accesible o medicamento para a poboación, especialmente en entornos rurais onde as veces o único punto sanitario é a botica.

Por todo esto, desde o COFC difundirase estes días o poema "Sempre a remar", na voz e coa figura da poeta galega Yolanda Castaño, a través dos medios de comunicación e tamén das redes sociais. O edificio colexial e outros puntos da provincia como a Torre de Hércules, ou os concellos de Santiago, Carballo ou Ribeira alumearanse de verde, xunto cun centenar de monumentos a nivel nacional. O material da campaña pódese descargar dos documentos adxuntos para empregalo en publicacións dixitais ou nas pantallas das farmacias.

 

Sempre a remar

Cada unha das nosas dores

quixo acompañarnos nestra travesía

 

Quen cargaron para nós co antídoto

vadearon ríos de veleno.

 

A meirande parte deles

alcanzaron a sandarnos as feridas,

 

uns cantos acabaron por deixar

o corazón naquelas augas.

 

Porque se mollaron por nós ata afogaren

hoxe a nosa gratitude rega unha homenaxe.

 

Grazas por traernos paz

ata en medio do naufraxio.

 

Porque sabemos que, en cada marusía,

os farmacéuticos, as farmacéuticas,

continuaredes sempre a remar polos demais.

 

Yolanda Castaño