Organismos nacionais e internacionais, como a Organización Mundial da Saúde, destacan o papel que xoga o farmacéutico na atención aos pacientes e o seguimento dos tratamentos. As farmacias contribúen á promoción da saúde e a prevención da enfermidade, colaboran na detección precoz de patoloxías, evitando o seu agravamento e reducindo custos sanitarios.
Na nosa provincia, uns 2400 colexiados desenvolven o seu exercicio profesional nas farmacias, pero tamén noutros ámbitos como industria, docencia, dermofarmacia, saúde pública, alimentación, óptica e ortopedia, análises clínicas, distribución, investigación, industria, atención primaria ou farmacia hospitalaria, entre outras. A maioría son mulleres, un 75 por cento, e de media nas boticas están empregados tres profesionais con esta titulación.
O seu traballo estivo condicionado, como no resto do sector sanitario, estes últimos meses pola pandemia. A nivel nacional, 26 traballadores do sector faleceron a consecuencia do coronavirus. A eles dedícase este día mundial na provincia, así como ao resto dos compañeiros e ao seu esforzo por seguir facendo accesible o medicamento para a poboación, especialmente en entornos rurais onde as veces o único punto sanitario é a botica.
Por todo esto, desde o COFC difundirase estes días o poema "Sempre a remar", na voz e coa figura da poeta galega Yolanda Castaño, a través dos medios de comunicación e tamén das redes sociais. O edificio colexial e outros puntos da provincia como a Torre de Hércules, ou os concellos de Santiago, Carballo ou Ribeira alumearanse de verde, xunto cun centenar de monumentos a nivel nacional. O material da campaña pódese descargar dos documentos adxuntos para empregalo en publicacións dixitais ou nas pantallas das farmacias.
Sempre a remar
Cada unha das nosas dores
quixo acompañarnos nestra travesía
Quen cargaron para nós co antídoto
vadearon ríos de veleno.
A meirande parte deles
alcanzaron a sandarnos as feridas,
uns cantos acabaron por deixar
o corazón naquelas augas.
Porque se mollaron por nós ata afogaren
hoxe a nosa gratitude rega unha homenaxe.
Grazas por traernos paz
ata en medio do naufraxio.
Porque sabemos que, en cada marusía,
os farmacéuticos, as farmacéuticas,
continuaredes sempre a remar polos demais.
Yolanda Castaño