Os farmacéuticos celebran o sábado o seu Día Mundial cunha homenaxe aos falecidos pola pandemia

Edificios de toda España, así como a sede do colectivo, ilumínanse de verde esta fin de semana

O sábado día 25 de setembro celébrase o Día Mundial do Farmacéutico, organizado pola Federación Farmacéutica Internacional (FIP). Nesta edición, e a nivel nacional, quérese destacar a confianza, proximidade e labor asistencial do farmacéutico, e a súa achega á saúde pública.

Na nosa provincia, os farmacéuticos centran os actos deste día en render unha homenaxe aos 26 traballadores do sector a nivel nacional falecidos a consecuencia da pandemia, e para iso se preparou un poema de Yolanda Castaño dedicado a todo o colectivo, que será difundido a través das redes sociais e medios de comunicación.

Así mesmo, prevese que, durante a noite do venres ao sábado, se iluminen de cor verde diferentes edificios públicos e monumentos polas diferentes localidades para conmemorar este día.

Algunhas cifras

Na provincia da Coruña hai 2396 farmacéuticos colexiados, a maioría desenvolven o seu exercicio profesional nas 570 farmacias. Pero ademais, existen outros moitos ámbitos profesionais nos que traballa o sector, como a industria, docencia, dermofarmacia, saúde pública, alimentación, óptica e ortopedia, análises clínicas, distribución, investigación, industria, atención primaria ou farmacia hospitalaria, entre outras.

A porcentaxe de mulleres é de case o 75 % e o número de habitantes por farmacia é de 2039, o que mellora a media nacional. Ademais, na provincia temos 3 farmacéuticos exercentes en farmacia de media, e a cifra nacional estaría en 2,4.

No último ano abríronse na nosa provincia 21 farmacias novas, derivadas do último concurso público e de acordo co novo mapa farmacéutico, en 16 municipios como son: Oleiros, Cambre, Ames, Culleredo, Narón, Carral, Cee, Teo, Ares, Brión, Sada, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Val do Dubra, Vilasantar o Arteixo.

Parte do sistema sanitario

Diversas investigacións alertan de que un uso inadecuado dos medicamentos xera importantes problemas de saúde e eleva os custos sanitarios. Por iso organismos nacionais e internacionais, como a Organización Mundial da Saúde, destacan o papel que xoga o farmacéutico na atención aos pacientes e no seguimento dos tratamentos.

Hai que recordar que as farmacias contribúen á promoción da saúde e a prevención da enfermidade, colaboran na detección precoz de patoloxías, evitando o seu agravamento e reducindo custos sanitarios; ofrecen asistencia farmacéutica especial a maiores e dependentes, que facilite o acceso ao medicamento e o seu uso responsable e traballan para contribuír a mellorar a accesibilidade ao medicamento ás persoas con discapacidade física ou psíquica.

Con relación a algunhas patoloxías, moitas farmacias prestan outros servizos de proximidade como:

- Promoción da saúde e prevención da enfermidade.

- Cribado de enfermidades e detección precoz.

- Seguimento farmacoterapéutico.

- Tratamento e prevención das toxicomanías e o VIH.

- Formulación maxistral.

- Educación sanitaria.

- Programas de deshabituación tabáquica.

- Etc.

Balance pandemia

Nesta conmemoración quérese destacar o esforzo realizado polo colectivo nos últimos meses no contexto da pandemia. Tanto a nivel particular, farmacia a farmacia e farmacéutico a farmacéutico, como desde as súas institucións oficiais, onde se implementaron diferentes medidas para cooperar na resolución da crise sanitaria do coronavirus.

Nos últimos meses lanzáronse campañas especialmente centradas en informar sobre as medidas efectivas e con apoio científico para previr a COVID-19. A través dos medios de comunicación, onde se atenderon numerosas consultas, como a través de redes sociais nas que se fixo un esforzo constante para difundir contidos contrastados e desmentir boatos.

Para combater a pandemia, as autoridades sanitarias autorizaron a venda sen receita en farmacias de test de autodiagnóstico, e en Galicia realizáronse diferentes programas para realizar cribados de SARS- CoV-2 por idades ou en diferentes zonas, autorizouse a certificación de resultados polo farmacéutico, e colaborouse para a expedición de certificados europeos de vacinación, recuperación ou PCR Negativa.

Compre lembrar que farmacéuticos participaron na investigación e desenvolvemento da vacina, traballaron na distribución para que non faltasen medicamentos, mantiveron as súas portas ben abertas á poboación e resolveron dúbidas entre moitos pacientes, traballaron sen descanso nos laboratorios de análises clínicas ou implementaron medidas urxentes e importantes desde os postos de xestión sanitaria, sen esquecer a farmacia hospitalaria, no papel de atención de pacientes con COVID-19 ou a súa medicación, e mesmo desde a Atención Primaria, entre outros ámbitos de traballo.