24/09/2021

Os presidentes dos catro colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia efectúan unha visita institucional ao Parlamento

Na véspera do Día Mundial do Farmacéutico, os responsables dos colexios reiteran a vocación de servizo da profesión e o seu compromiso coa saúde e o benestar da cidadanía

O presidentes dos catro colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia efectuaron este mediodía unha visita institucional ao Parlamento de Galicia, na véspera do Día Mundial do Farmacéutico, que se celebra este 25 de setembro. A Federación Internacional Farmacéutica impulsa esta celebración baixo o lema  lema “Farmacia: sempre de confianza, ao servizo da túa saúde”, mentres que o Consello Xeral de Farmacéuticos participa coa mensaxe “Detrás do medicamento hai moito máis”.

A delegación estaba integrada polos presidentes dos colexios oficiais de farmacéuticos da Coruña, Héctor Castro; de Lugo,  Alejandro Sánchez; de Ourense, Santiago Leyes; e de Pontevedra, Alba Soutelo.

Durante a visita, mantiveron unha reunión co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na que tamén  participan a presidenta da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, Corina Porro; e representantes dos grupos parlamentarios: Marta Rosdríguez-Vispo Rodríguez (PPdeG), Iria Carreira (BNG) e Marina Ortega Otero (PSdeG-PSOE).

O encontro foi solicitado polos colexios profesionais ao presidente do Parlamento  co obxectivo de trasladar a vocación de servizo da profesión “comprometida coa saúde e benestar dos cidadáns, cuia labor desde o comezo da pandemia foi máis aló do profesionalmente esixible”.